Non vos podedes imaxinar o mal que o levo pasado todo o día. Preguntarédesvos o por que. Cando volo explique, posiblemente a moitos/as pareceravos unha chorrada, pero a min hoxe tenme sumido nunha seudodepresión.
Dende hai uns meses (xa bastantes) teño problemas respiratorios (as veces agudos) e algunha alerxia. Decidín por fin ir a facer as probas e hoxe era o día.
O resultado é que son asmático, con todo o que esto conleva, medicación e medicación. Pero esto non foi o que fastidiou o día de verdade. O meu gran contratempo é que nas probas da alerxia o resultado foi que son alérxico a cans e gatos.
Na nosa casa, Belén e maís eu temos dúas gatiñas siamesas (Branquiña e Mouriña), antes tivemos a Mico. Non vos podedes nin imaxinar o cariño que lle chegamos a coller a estes bichiños. Agora a médica dime que vaia pensando en deixar de convivir con elas xa que supoñen un grave risco para a miña saúde.Despois de coñecer esta nova quedeime totalmente frío. Algúns seguro que non entendedes que esto supoña un pequeno drama para min, pero é que non sabedes todo o que nos teñen dado estas dúas xoias.
Ímonos tomar un par de meses para que me fagan máis probas e ir madurando unha decisión, pero hoxe por hoxe paréceme imposible que deixe a estas dúas siamesas.
Bueno vou deixar de escribir e poñerme a facer algunha cousa por ahí que me distraia porque aínda se me van cair unhas lágrimas.