martes, 24 de noviembre de 2009

As fobias de La Voz de Galicia co PSOE e con Miguel Fidalgo



Dende hai moito tempo os/as socialistas da provincia de Ourense vimos soportando unha campaña de acoso e derribo dende a edición ourensana de La Voz de Galicia.


Creo que é lícita, e incluso moi sana, a crítica dende os medios de comunicación cara ós partidos políticos. Un xornal ou unha radio non só están para informar, senón tamén para opinar.


Pero cando se traspasa esta liña da información e da opinión para entrar no terreo da lama, do "todo vale", da mentira, da difamación e da manipulación, tanto o medio de comunicación como o xornalista que asina a noticia e máis quen a alenta ou supervisa perden toda a credibilidade como profesionais e como persoas.


Esto é o que está a acontecer nesta provincia con José Manuel Rubín (delegado de La voz de Galicia en Ourense) e con Miguel Ascón (xornalista encargado de política nesta provincia). O xornalismo non é ensañarse cunha persoa porque esta non sexa manipulable por quen emprega a pluma e no xornalismo non se deberían exteriorizar as fobias persoais empregando ataques furibundos valéndose e abusando da capacidade que se ten de crear opinión polo mero feito de ser un traballador dun medio de comunicación.


Estes días estes dous xornalistas ourensanos adicáronse a manchar, enturbiar e entorpecer (para poder influir) un proceso interno dentro do PSdeG-PSOE ourensano errando sempre nas súas predicións de pitonisa. Pero o remate a todos estes desatinos produciuse o pasado domingo cando atacaron a Miguel Fidalgo, dunha forma nunca vista,polo que eles chaman o desastre do socialismo ourensano.


Falan de que o senador e anterior secretario de organización fora defenestrado. Ante esta sarta de mentiras compre dicir que Miguel Fidalgo foi o principal responsable xa que exercía as labores de acción electoral e organización (axudado por outros/as moitos) de que este partido pasase de ter trinta agrupacións municipais a máis de oitenta, de que se pasara de oito alcaldías a vintetrés, de que se renovaran cincuenta cabezas de lista nas municipais, etc... e todo esto sen facer o máis mínimo ruído e sen querer colgarse nunca ningunha medalla.


Se Miguel Fidalgo non está na actual executiva é porque é incompatible dentro do noso partido estar en dúa a vez. E el foi nomeado Secretario de Formación da executiva galega no último Congreso Nacional. O igual que el, non están tampouco Laura Seara, Mariló Cubillo, Pachi Vázquez, Miguel Bautista e Agustín Fernández, porque de estar calquera deles terían que dimitir da executiva nacional.


E certo que cometeu erros, pero exactamente igual que os cometemos todos/as. Só cometen erros os que traballan e arriscan.Pero o resultado da conta final é moi positivo. O que de verdade conozca este partido e mire cara atrás nunca vaticinaría que nun período tan curto de tempo estaría na situación que estamos. Pasamos de tres deputados provinciais a oito (a dous de arrebatarlle a maioría absoluta ó PP). Pasamos de tres deputados autonómicos a cinco (única provincia onde se subiu nas pasadas eleccións). Pasamos dun deputado no Congreso a dous (empatados co PP) sendo unha das cinco provincias españolas onde se subiu. O propio  Miguel Fidalgo convertiuse no senador socialista máis votado na historia en Ourense.


Miguel Fidalgo, xunto con Pachi Vázquez poderían ter errado nalgunhas pequenas cousas, pero eles foron os verdadeiros artífices do rexurdir do socialismo ourensano. e algunha vez a historia llelo reconocerá.


Os meus parabéns para ámbolos dous por todo o que fixeron, e todo o que lles queda por facer por este Partido.