domingo, 31 de enero de 2010

O PP perde o seu propio congreso



Podería parecer que o titular está errado. Por que como un partido político vai perder o seu propio congreso. Eso é imposible. É imposible en calquera lugar de España e en calquera partido político menos en Ourense e no PP. Esto é así porque dentro do Partido Popular existen dous partidos dende 1991. E por eso os grandes perdedores do cónclave "popular" ourensano son o PP de Galicia e Núñez Feijóo.

Corrían os principios dos 90 cando Centristas de Galicia (o partido hexemónico por aquel entonces en Ourense) era quen de acadar o 32% dos votos nas municipais, mentres o PP non pasaba do 29%, e foi por aquelas cando ambos partidos se fusionaron.

Dende aqueles días segue aberta unha profunda fenda na dereita ourensán que lonxe de pecharse aínda afondou máis nestes días.

Nesta provincia no PP sempre houbo a dicotomía urbán-rural, boina-birrete, galeguistas-castelanistas, centristas de galicia-alianza popular. E esas etiquetas aínda perduran. A pesares de pasar case 20 anos e de ter chegado xente nova o PP, este partido segue a ser un grupo político dominado por xente de moita idade, e os que entran novos veñen aleccionados por un ou por outro sector rezumando odio contra os seus “compañeiros” de partido.

O caso é que tanto Rajoy como Feijóo molláronse neste proceso debido o seu posicionamento, quen aínda que non foi explícito, era de todos coñecido. E o problema que ten ó decantarse por unha ou outra opción e que podes gañar ou perder, e eles perderon estrepitosamente.

Esta é sen dúbida ningunha a primeira gran derrota de Feijóo, e venlle das mans dos seus "socios" políticos en Ourense, esa franquicia que o PP ten na provincia das Burgas, os da boina ou ex-Centristas de Galicia.

Baltar e a súa xente déronlle unha lección a todos os ex-alianza popular e a todos os novos acólitos desta dereita discípula desa nova dereita dos Rajoy, Aguirre, Camps e outras herbas, desa nova dereita sectaria e prepotente.

Que ninguén me malinterprete pensando que agora me acabo de converter nun baltarista. Pero hoxe por hoxe considero que o persoeiro político máis perigoso para o ben do noso País é o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e por extensión na provincia ourensán Rogelio Martínez e Jiménez Morán.

Pero esta guerra non rematou aquí coñecendo como actúa o presidente do PP de Galicia. Non lle será nada doado a Baltar Pumar, por non dicir case imposible, colocar ós seus nas candidaturas das vindeiras eleccións municipais, porque quen ten a última palabra neste proceso é o partido en Santiago de Compostela. Aquí si que poden volver a saltar chispas, como xa ten pasado outras veces. Aquí pode dar comezo outra guerra máis dentro da dereita galega. Eso se para aquelas seguen unidos.


Baltar Pumar sabe que el ten a 45 alcaldes por 15 de Feijóo, a 22 portavoces municipais por 10 de Feijóo, a 12 deputados provinciais por 2 de Feijóo, a 3 deputados autonómicos por 4 de Feijóo, a 1 senador por 2 de Feijóo e a 1 deputada nacional por outro de Feijóo.

Con estes números na man vai ter que se velar moito o PP do birrete para soprarlle o baltarismo en Ourense, porque saben que están baixo a eterna ameaza de dar un golpe en calquera momento. E ese golpe costa a Xunta de Galicia. Así que olliño co que se fai.

Durante uns anos a algúns enchíaselle a boca falando mal e demonizando os gobernos bipartitos como o anterior do PSdeG e o BNG na Xunta de Galicia, pero é que en Ourense levamos baixo un goberno bipartito durante toda a democracia o goberno do PP de Alianza Popular e o PP de Centristas de Galicia.

Creo que a partir de agora imos ver a un Núñez Feijóo que incluso lle terá que acabar facendo reverencias a Baltar pai e fillo.

E como o cortés non quita o valente quero darlle os meus parabéns a José Manuel Baltar e desexarlle que acerte nas súas decisións polo ben na nosa provincia.