Onte reuníronse en Castro Caldelas os/as organizadores/as das II Xornadas Xurídicas.
Fágome eco da nova publicada hoxe polo xornal La Voz de Galicia.
O lume e a seguridade viaria serán tratados nas xornadas xurídicas caldelás.
Vanse celebrar no outono e servirán para recuperar a homes da Xustiza que forman parte da cultura galega.
Castro Caldelas voltará a ser sede das xornadas xurídicas, como as que se celebraron o pasado outono. Nesta ocasión preténdese facelas entre finais de setembro e outubro. Onte déronse cita na vila o fiscal superior de Galicia, o alcalde, Eladio Osorio; o presidente da Asociación de Funcionarios en Lingua Galega, Xosé González; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela e o presidente do Grupo Academia Postal, Francisco Novoa, para comezar a perfilar o programa. Cóntase tamén coa Universidade, coa Xefatura Superior de Policía de Galicia e coa Xunta.
«Este ano queriamos recuperar personaxes do eido xurídico moi singulares que existiron e que no seu momento significou que na xudicatura e no ámbito do dereito privado houbo unha conexión moi importante coa tradición cultural», sinalou Xosé González.
Trátase nestas xornadas de ir afondando en xentes como Sebastián Martínez Risco, que foi formador de xuristas; Roberto González Pastoriza, no Vigo dos anos trinta, experto en dereito mercantil e administrativo; Pedro González López, decano do Colexio de Avogados de Lugo na Transición; Lois Peña Novo, que axudou no desenvolvemento de empresas como Zeltia ou Frigolouro e que foi represaliado. Ou Fermín Bouza Brei, que foi xuíz, maltratado polo réxime franquista no 1952.
As xornadas caldelás pretenden amosar homes do dereito que sendo galegos crearon escola na súa terra. Recuperar a todas esas figuras doutro tempo para o seu coñecemento polas novas xeracións de estudantes universitarios de Dereito. Engadiu Xosé González que Galicia «ten unha boa tradición de literatura xurídica que debe ser coñecida. Aquí perto está Montederramo que produciu moitos documentos xurídicos que hoxe estuda o catedrático emérito Ramón Lorenzo».
O fiscal superior, Carlos Varela, sinalou que é preciso coñecer a estes profesionais do pasado. «Descoñécese que Portela Valladares foi fiscal xeral de España e que Iglesias Corral, no 1936, foi fiscal xeral do Reino. Sebastián Martínez Risco nos anos setenta proclamaba a utilización do galego nos xuízos e de que o dereito non podía darlle as costas á lingua. Son textos que un sorpréndese de velos porque pensamos que estamos inventando agora as cousas pero hai unha tradición xurídica galega que vén destes prohomes».
Neste ciclo de Castro Caldelas tentarase afrontar temas como os incendios, a seguridade viaria, asuntos claves no rural. Son temas de interese para os profesionais da Xustiza, para os estudantes e para os responsables municipais así como das policías locais e doutros colectivos.
En abril haberá outra xornada de traballo para pechar o programa de poñentes dunhas xornadas que van durar dous días e medio e que contarán cunha clausura que os organizadores cualifican de brillante. Tamén daráselle entrada a novas entidades.