Esta fin de semana puiden desfrutar dunha boa mistura: a cidade da Coruña, a exposición de PhotoGalicia de W. Eugene Smith e o concerto de Bunbury.
A Coruña é para min unha cidade extraña, e explícome. Paréceme unha das cidades máis fermosas de España. Unha cidade moderna, emprendedora, unha cidade que mira cara ó mar, unha cidade amante da cultura... Pero tamén algo que non me gusta, creo que é unha cidade demasiado engreida. Non me pidades que vos dea explicacións, ó mellor é só o meu parecer, pero non entendo esa teima de case todos os seus habitantes de resistirse a falar en galego. De verdade, non o entendo...
Pero imos a falar das boas cousas da Coruña. Unha cidade moderna que soubo aproveitar o mar para embelecerse. Unha cidade que soubo cambiar a súa imaxe dende os anos oitenta cara hoxe. Unha cidade que soubo subirse ó tren da cultura e facerse un referente en España con todos os seus museos. En fin, unha cidade para visitar a cada pouco.
Non vos quero aburrir falando de Smith. Só dicirvos, para os/as que amades a fotografía, que vos deberiades perder esta mostra porque é unha gran oportunidade de ver como un fotógrafo empeña toda a súa vida en facer que as súas fotografías falen.
O libro da mostra tédelo á venda en La Fábrica. Unha obra imprescindible para aqueles/as que nos vos fartedes de ver e volver a ver mil veces unhas ducias de obras de arte que marcan unha época na historia da fotografía.
Á noite tocoulle a Bunbury... Quen mo diría a min cando tiña dezaoito anos e non podía ver nin en pintura ós Héroes do Silencio. Que queredes que vos diga, non me vou desfacer en eloxios cara este showman porque a música e os músicos teñen que gustar. E por moito que me explique eu non van a gustarvos nin máis, nin menos.
Dúas horas largas de concerto no Coliseum nas que repasou todo o seu pasado musical e presentou o seu novo disco, que sairá á venda a próxima semana.
Todo indica que Bunbury volta ó rock and roll logo de ter experimentado con case todo no eido musical. Esta aseveración é moi particular, pero para min hoxe é o maior showman que hai no escenario musical español. Porque falar de Bunbury non é só falar dun músico, é falar dun verdadeiro show.
Se queredes máis sobre el ide aquí.