domingo, 12 de agosto de 2007

Detectadas graves irregularidades polo Consello de Contas nos Concellos de Montederramo e Manzaneda



O Consello de Contas de Galicia é un ente imparcial e fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego. Cada ano realiza, entre outros, uns informes dalgúns concellos galegos.

Hai uns días saíron á luz pública os informes de dous Concellos da miña comarca, Manzaneda e de Montederramo, entre outros, referidos ó exercicio 2003-2004. Houbo varios medios de comunicación que se fixeron eco destas auditorías: La Voz de Galicia sobre Manzaneda e Montederramo, e Ourensedixital sobre Manzaneda e Montederramo.


De todos os xeitos se queredes ver os informes completos en formato pdf a través do Consello de Contas, podédelos ver dende aquí: Montederramo e Manzaneda.

Por facervos un resumen das tropelías que se detectaron, comentarvos que en Montederramo acusan ó alcalde e a varios concelleiros de cobrar dietas irregulares, e de contratar "a dedo" a catro traballadores. Todos os soldos do alcalde foron cobrados sen acordo plenario e Antonio Rodríguez recibiu máis de 7000 € en concepto de locomoción e manitención habendo só mandamento de pago pola metade. O informe tamén salpica, por cobros irregulares, o tenente-alcalde e a unha concelleira. Podedes ler o informe completo, porque o único calificativo que merece é o de ESCÁNDALOSO. Lembrarvos que o alcalde tivo que deixar o cargo antes das eleccións porque estba inhabilitado pola Xustiza, aínda así volveu a ganar nestas eleccións, nas que xa se podía volver a presentar, por menos dunha ducia de votos.

En Manzaneda non lle andiveron moi lonxe. Inflaron o superávit do Concello e o remanente de tesourería. Detectáronse demoras nos prazos de presentación e falta de expedientes en modificacións de crédito. Así mesmo o Concello non dispón de libro de resolucións da alcaldía e o libro de actas do Concello está sen actualizar dende 2001.O secretario estivo de baixa varios meses e seguiu cobrando complementos de productividade, o igual que unha funcionaria de xeito non xustificado. O alcalde cobrou dietas e non están documentadas. Esto é só parte das tropelías, lede o informe porque o desaguisado é dun calado enorme. Este alcalde, nas pasadas eleccións, pasou á oposición e hoxe goberna o BNG co apoio do PSdeG-PSOE.