martes, 30 de septiembre de 2008

Unha merecida homenaxe "O Rizo"

Hoxe levouse a cabo en Ourense a presentación do libro Xosé Vázquez Arias. Rizo. Tres décadas de imaxes prodixiosas. 1940-1975.

Está é a maior das homenaxes que se lle podía facer a este xenial fotógrafo sumido no esquecemento. O Rizo, natural de Casasoá (Castro Caldelas) foi o fotógrafo das feiras. Un gran retratista comparable a Caamaño ou Viétez que coas súas imaxes cóntanos os aconteceres de 35 anos de historia de Ourense. O gran fotógrafo caldelao de todos os tempos. E o gran esquecido ata o de agora no mundo da fotografía de Galicia.

Lembro, hai uns dous anos, cando falei con Xulio Fernández Senra director do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo" e lle din a idea de facer un libro sobre o Rizo, xa que sabía que había moitas familias que estarían dispostas (entre elas a del) a ceder as fotografías amablemente. Ocorreuseme esto logo de contemplar o libro de fotografía antiga de Celanova que Xulio e máis Antonio Piñeiro puxeran en marcha,, xa que alí había varios retratos do Rizo.

Logo Xulio pediume que colaborara no libro, pero teño que dicir que por mor do traballo que tiña daquela foime imposible, e deixeino un pouco na estacada. De verdade que o sinto.

O libro está moi coidado no seu deseño, presentación, contido e impresión. É unha desas obras para contemplar e gardar. Unha verdadeira xoia.

A partir de agora vaise poñer en marcha unha exposición coas fotografías. Comezará polo Cetro Cultural da Deputación de Ourense, e creo que vai seguir por varias vilas da provincia. Espero que tamén visite Castro Caldelas.

No hay comentarios: