domingo, 29 de noviembre de 2009

Catro recomendacións fotográficas




Hai tempo que tiña pensado escribir sobre fotografía, pero por mor de distintas ocupacións fun deixando  este tema.

Hoxe estaba facendo un pouco de acopio e de memoria sobre as distintas cousas que vos quería contar e dinme conta de que eran moitas. Así que intentarei ser breve en cada unha delas para non facer esta entrada demasiado extensa.

Hai días que acheguei á cidade de A Coruña para poder ver e asistir a visita guiada da exposición de Ruth Matilda Anderson, unha mirada de antano. Unha exposición organizada por Caixa Galicia e que recorrerá as distintas cidades galegas pero non na súa versión completa, senón bastante reducida.

Ruth Matilda Anderson foi (entre outras moitas cousas) unha fotógrafa norteamericana que percorreu Galicia de cabo a rabo en dous viaxes entre o s anos 1924 e 1926.  Esta muller orixinaria de Nebraska realizou un proxecto para a Hispanic Society of America que consistiu en reunir un extensísimo arquivo fotográfico sobre diversos aspectos de Galicia: xentes, costumes, ritos, festas, traxes, trasportes, pesca, mar, labores, feiras e mercados, gandeiría, agricultura, cidades, vilas e aldeas, arquitectura, cultura, paisaxes, vestimenta, etc...






O arquivo que realizou Ruth Matilda foi moi extenso, e aínda que nas paredes do edificio de Caixa Galicia só se colgan unha escolma de catrocentas imaxes, esta non é a maior colección fotográfica da nosa terra anterior a Guerra Civil. Houbo outros fotógrafos galegos que teñen arquivos moito maiores, pero ben é certo que ningún deles é tan rico e variado como o da fotógrafa de Nebraska.

Se queredes afondar no coñecemento das nosas raíces non vos podedes perder esta mostra, e para o que non se poda achegar ata A Coruña hai que dicir que a Fundación Caixa Galicia publicou un libro que ademais de mostrar centos de imaxes nos dá a coñecer o diario relatando o día a día da man da fotógrafa.

Como anotación curiosa dicir para os/as caldelaos que hai varias fotografías da nosa bisbarra.






Outro dos temas que quería tratar é que dende hai días a cidade e a provincia de Ourense volvese a encher de ducias de exposicións de fotografía gracias ó Outono Fotográfico que se promove dende a Casa da Xuventude. Podería recomendarvos moitas mostras para visitar, pero voume centrar só nalgunhas.

Non se pode deixar de visitar a mostra do afamado fotógrafo ourensán Manuel Outumuro, na que fai un repaso polo retrato ó mundo dos “famosos”. Outra mostra digna de visitar é a colección promovida, coma todos os anos, pola empresaria da moda Purificación García, na que artistas noveis e máis experimentados fan un percorrido polo máis vangardista no mundo fotográfico. Fotógrafos de Natureza, con libro de moi boa calidade publicado, é o resultado do concurso anual Wildlife Photografer of The Year e está organizado pola BBC e o Museo de Historia Natural de Londres. Cada ano, esta mostra supérase, pero esta XXXV edición e digna de vela varias veces. Galicia en foco, unha asidua do Outono Fotográfico amosanos o mellor do fotoxornalismo galego deste ano, con imaxes de grandes amigos fotógrafos ourensanos. E para rematar recomendar a exposición en Clave de Do organizada dende o Ateneo Ourensano  pola boa amiga Isabel Salgado.




Nestes día saíu á luz un dos arquivos fotográficos máis importantes da Historia e que permanecía oculto sen terse coñecemento del. No transcurso na II Guerra Mundial as forzas aéreas británicas (RAF) realizaron máis de dez millóns de fotografías aéreas en voos de recoñecemento ou ataque a distintos obxectivos ou cidades europeas. Agora acaban de colgar na páxina web da TARA as primeiras 4.000 imaxes para que poidan ser consultadas por quen así o queira.

Ademais do seu incalculable valor histórico, tamén teñen un moi alto valor fotográfico e seguro que chaman a máis dun curioso para que teña coñecemento daquela época.




Como remate quero mostrar a miña ledicia pola recente adquisición polo Ministerio de Cultura do arquivo fotográfico de Agustí Centelles.

O Ministerio comproulle á familia do falecido fotógrafo valenciano o seu arquivo de 10.000 fotografías por 700.000 euros., a pesar de que a casa de subastas Christie’s ofertaba 850.000. Gracias a esta adquisición das imaxes do chamado “Robert Capa” español o Patrimonio Nacional poderá contar cun dos arquivos fotográficos máis exhaustivos da Guerra Civil española. A quen lle interese este tema e non queira gastar moitos cartos recoméndolle o libro da colección Photobolsillo de La Fábrica no que poderá coñecer algo máis sobre a obra deste fotógrafo e as penurias que tivo que pasar na postguerra por terse posicionado no bando republicano.



No hay comentarios: