martes, 26 de agosto de 2008

Volta á crúa realidade

Coma todos os anos, o bo remata. Xa estou de volta no traballo, intentando que non me afecte ese novo mal chamado "estrés posvacacional".
Foron tres semaniñas intensas pero relaxantes. A verdade é que as necesitaba moito e desfruteinas bastante. Quédanme uns días por coller, pero dame que segundo pinta o esceario electoral xa me poido ir despedindo deses días de descanso (a ver se dou collido algúns para as festas do Castro).
Unha viaxe percorrendo Suiza (Lugano, Zurich, Berna, Interlaken, Xenebra, etc) e pasando por Italia, Alemania (Lago Constanza), Austria e Francia (Chamonix e o Mont Blanc); algunhas excursións polas Terras de Caldelas e o Caurel; moitas Olimpíadas, días de descanso, e comidas e parolas: esas foron as miñas vacacións.
Facía anos que non estaba tan relaxado no descanso estival. Creo que estou desenvolvendo unha boa capacidade para esquecerme do traballo no primeiro día de vacacións e non volvelo a recordar ata o día de volta. E creo que esto é moi bo. Ou polo menos fai que as vacacións sexan máis tranquilas.
No apartado das recomendacións, anímovos a que coñezades Suiza. É sinxelamente impresionante. Creo que non hai palabras para definir as súas paisaxes. Estes días colgarei aquí e no Panoramio algunhas fotos da viaxe para que vexades.
Estiven en moitos lugares de soño, pero teño que destacar un. Non vos podedes imaxinar o que se sinte ó poder subir ó carón do Mont Blanc. Estiven a 3842 m. nas Agullas do Midi, o máis preto que se pode estar deste coloso sen ter coñecementos de montañismo. Unha ilusión feita realidade, ata que logo de media hora comeza o mal de altura, os mareos, o malestar...
Volta ó traballo con bo sabor de boca pola viaxe e polo que disfrutei vendo as Olimpíadas, pero con moita dor por ver a tantas familias destrozadas por mor de dous accidentes en lugares onde hai moi poucos días que estiven. O xa famoso de Baraxas, ó carón da T4 que empreguei estes días para ir a Milán e voltar de Xenebra, e outro non tan coñecido, pero no que desapareceron oito persoas (na ascensión ó Mont Blanc dende Chamonix).
A partir de agora intentarei seguir contándovos cousiñas, e por suposto vós amin tamén.