lunes, 20 de julio de 2009

Xuventudes Socialistas de Ourense adiviñan os premiados na "lotaría" da Deputación

Viñeta de Forges

As mocidades do PSOE organizaron un espectáculo satírico para denunciar o "enchufismo" no ente provincial e o veto á entrada "a persoas válidas por non teren padriño".

Rubén Álvarez García (Administrativo de Administración, Grupo C1): fillo do Alcalde de Muiños. Carmen María Casal Enríquez (Administrativo de Administración, Grupo C1): noiva do fillo de Isaac Vila e Raúl Soto Martínez (Informático, C2): ex concelleiro de Nogueira de Ramuín. Son os tres nomes dos catro que, aseguraban as Xuventudes Socialistas (XXSS) aprobarían en Ourense os seus respectivos procesos de oposición.

As mocidades do PSOE expuxeron durante dezaseis días unha urna na sala de exposicións da Casa da Xuventude na que o mago "Antoñito Blake" introduciu o sobre cos nomes dalgúns dos que aprobarían e que foi aberta na mañá deste luns. O mago procedeu posteriormente á lectura dos nomes e ao seu cotexo coa lista de 24 aprobados. Dos catro nomes contidos no sobre, o mago acertou tres. "Todos con vínculos claros co PP", quéixanse os mozos do PSOE en Ourense, denunciando ao fío que entre os aprobados aparecen moitas outras persoas relacionadas co PP "como a muller do alcalde d'A Merca ou o concelleiro de Sarreaus do PP Manuel Rodríguez Martínez, que entrarán na Deputación como conserxes". "Tamén, como auxiliar administrativo entrará a filla da actual compañeira do alcalde de Cartelle; dato curioso xa que na Deputación traballa tamén a filla da súa primeira esposa, entre outros familiares", debullan. "Asimesmo, entrará como técnico superior informático o xenro do alcalde de Vilamarín, e nada menos que senador, Amador Vázquez", indican as XXSS.

"Á marxe da pantomima do mago, é un escándalo o que está sucedendo dende hai tempo", afirmou durante o acto o secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Jonathan Da Silva, "estes datos e estes prognósticos pode facelos realmente calquera cidadán da provincia, como teñen reflictido algúns medios de comunicación". "Descoñezo o truco, pero é evidente que algo cheira moi mal", dixo. Insistiu o Da Silva en que se trata dun exemplo de "perversión da democracia baseada no caciquismo puro e duro".


Fonte Vieiros

Aquí podedes ver os dous vídeos da performance. O primeiro é de canto introducen os nomes na furna e o segundo de cando extraen o sobre.