martes, 14 de octubre de 2008

" A princesa de Nebraska", unha pequena xoia.

Está visto que este ano o Ouff (Festival de Cine de Ourense) aposta por menos estrelas e máis cine de calidade.Veño de ver a miña segunda película da sección "Perlas inéditas" e, de verdade, había tempo que non disfrutaba tanto en Ourense por poder ver este tipo de películas na pantalla grande.

Hoxe tocoulle A princesa de Nebraska (Princess of Nebraska) de Wayne Wang, un director descoñecido para min, pero do que tomo boa nota (sobre todo logo de ter leído hoxe sobre el).

Non vos vou a destripar a película, xa que aínda a podedes ver ata o sábado no Festival, ou logo pola vosa conta. Pero algo teño que vos contar.

A película está baseada nun conto corto de Yiyun Li. Unha rapaza chinesa chega a San Francisco decidida a abortar, pero as experiencias personais que vai a vivir nas 24 horas que narra a película fanlle replantear a súa decisión e barallar múltiples posibilidades. Imos ver unha xeración que se relaciona co mundo exterior a través das mensaxes e grabacións de móbil. Non coñecemos case nada da rapaza, nin por que quedou preñada. Do inicio da historia non sabemos nada, só hai unha crítica superficial á política de fillo único chinesa e á censura dese país. Incluso ó final non se nos descubre cal é a súa decisión. Pero o tema do aborto non é o único tema espinoso que Wang trata na Princesa de Nebraska, a homosexualidade, a bisexualidade e aa prostitución, son outros dos condimentos desta película que crea polémica. Posiblemente o final sexa o momento máis emotivo da película: Todos eses metros de tela que ten a pantalla do cine cunha cor azul difuminada, a cara de Sasha ocupando só unha esquina (logo o seu corpo pequeno ocupando un reducido espazo no centro), un tema musical que fai vibrar, e ela soa. Soa, logo de tomar unha importante decisión, pero sempre soa.

Se podedes ide a vela. Creo que non vos deixará indiferentes.

Por certo, aínda non fun ver ningunha das películas que concursan coma longametraxes, pero case todas as persoas opinan que Ópium - egy elmebeteg no naplója (Opio - diario dunha tola) de János Szász (Hungría-Alemaña-R.U.) é do mellorciño que se ten visto por aquí. Creo que dentro do Festival xa non vamos ter máis oportunidades de vela, pero a ver se me logro facer con ela.

Non me fío.

Así pintan as cousas nas últimas enquisas do diario The New York Times: a Obama danlle 196 escanos fixos e 68 moi probables e a McCain 160 fixos e 25 moi probables. Para ser presidente dos EEUU necesítanse máis de 269 e Obama hoxe rondaría os 264.
En comicios anteriores acaba case sempre decidindo Florida, un Estado cunha volatilidade electoral bastate elevadae que aporta un gran número de escanos: 27. Entón desta vez podería volver a pasar o mesmo que en ocasións anteriores.
Pero agora pode que algún Estado pequeno sexa a clave, se se dera o caso dun acortamento de distancia entre McCain e Obama (que todo é posible). Entón Nevada ou Colorado, que só aportan 5 e 9 escanos respectivamente, poderían ser a chave do futuro presidente dos EE.UU.
Os Estados que, a día de hoxe, parecen ter menos claro a súa inclinación son Florida (27), Ohio (20), Carolina do Norte (15), Virginia (13), Colorado (9) e Nevada (5). Nas súas mans estará decidir o futuro da política de EEUU e, en moitas ocasións do Mundo enteiro.
Aínda que as tendencias parecen moi claras en favor do senador demócrata, Obama, para que sexa o próximo inquilino da Casa Branca, eu non me fío.
Lembro cando hai oito anos as famosas "papeletas mariposa" de Florida (que tardaron preto dun mes en recontalas) ll ederon a victoria a Bush nun proceso bastante confuso e moi prpopio dun estado en vías de desenvolvemento. Hai catro anos estivo a piques de reproducirse o mesmo problema (aquí como a distancia entre os aspirantes era maior non tivo tanta transcendencia), e desta vez vemos como moitos/as cidadáns non van poder exercer o seu dereito a voto por unha serie de problemas burocráticos.
Logo fálase con desprezo dos procesos electorais en lugares de Sudamérica, África ou Asia, pero que na primeira potencia mundial acontezan estas irregularidades non se pode permitir.
Pero que imos a facer nós?. Terán que ser lees quenes o corrixan. O pior de todo é que dependendo de que Presindente saia destes comicios non só lle vai influír ós EE.UU., senón tamén a todos/as nós.
Neste Mundo Globalizado case deberiamos ter dereito a votar nas eleccións americanas, non vos parece? ;)