sábado, 5 de diciembre de 2009

A reorganización municipal en Galicia


Mapa CRTVG

Hoxe volve estar de actualidade o eterno debate de se se debe abordar unha reorganización do mapa municipal en Galicia. Esto é por mor de que o Círculo de Empresarios de Galicia - Club Financiero de Vigo plantexou onte que Galicia debería pasar dos 315 concellos a non máis de 150.


O círculo de empresarios fai un estudio baseado case exclusivamente en aspectos económicos  e buscando a rendabilidade. Teño que dicir que tendo en conta estes criterios estou bastante preto das conclusións que se propoñen.


Ó meu parecer os concellos galegos poderían ser máis eficientes se cos mesmos orzamentos que manexan e prestando os mesmos servicios non tiveran tantas duplicidades como teñen a veces.


Dende esta óptica, vou poñer un exemplo. Tendo en conta que a comarca de Caldelas (historicamente, e non co Plan de comarcalización que levara adiante Precedo Ledo) esta abrangue os concellos de Parada de Sil, Castro Caldelas, Montederramo , A Teixeira, unha ampla parte do Concello de San Xoán de Río e case a metade de Chandrexa de Queixa. Ata hai uns anos para a recollida de lixo neste territorio, que afectaba a uns 4300 habitantes empregábanse seis camións distintos. Aínda que o territorio e amplo, esto podería rendabilidarse empregando tan só un par de vehículos.


Podería seguir poñendo exemplos e exemplos, pero non quero aburrir demasiado, só un máis. Neste territorio somos un total de 46 concelleiros, que como saberedes case ningún percibe un soldo do Concello, pero cada vez que imos a un pleno abóasenos unha indemnización (aproximadamente 50 €, depende do Concello). Se facedes contas e tendo en conta que temos como mínimo un pleno cada dous meses. Se facedes contas, ó final da lexislatura percibimos entre todos máis de 55.000 €.


A miña pregunta é, non serían suficientes 11 concelleiros en vez de 46 para rexir estes concellos?, non sería suficiente un secretario, en vez de seis?. Eu estou totalmente que esto sería positivo.


Pero por outra banda está o sentimento tan profundo que temos en Galicia (sobre todo en comarcais rurais como a miña) de amor á terra. temos un sentimento de pertenza moi arraigado, e contra esto é moi difícil loitar.


Por eso eu non creo que haxa que iniciar unha loita, senón máis ben un debate aberto onde non só opinemos os políticos. Fai falta oír falar ós empresarios, as asociacións, os agricultores, ós gandeiros, a todas e todos aqueles que dun xeito constructivo queiran facer aportacións sobre este debate.





Tamén hai que facer unha puntualización. Sempre tendemos a pensar (e posiblemente sexa polo descoñecemento que temos a como funcionan os concellos no resto de España) que o número de concellos en Galicia é excesivo fronte a outras rexións.


Compre apuntar que en Galicia hai 315 concellos divididos en catro provincias. É dicir, a media é de 79 concellos. En España hai 8111 concellos en 52 provincias, a media de municipios por provincia é de 160.


Mentres en Galicia a media de poboación por concello é 8900 habitantes, en España é de 5500.


Volvo ó principio, creo que sería sano que se abrise un debate sobre a reorganización municipal en Galicia, sen que estivese contaminado por intereses partidistas ou localistas. E tamén creo que sería san facer unha restructuración e unión de concellos, pero non os botemos as mans a cabeza alarmados pensando que o caso galego é unha excepción en España.


Se collemos un mapa podemos ver que en Castela-León, aragón ou a Comunidade Valenciana hai moitos concellos que non pasan do cento de habitantes, e incluso un bo número que non acada unha ducia. Eu non creo que eso sexa bo, pero que nos sirva como exemplo de que somos unha excepción.


E para rematar, non volvamos a caer no mesmo erro de que se deseñe dende unha oficina de Santiago de Compostela de por onde se ten que facer a división administrativa. Porque no borrador que presenta o Club Financiero de Vigo - Círuculo de Empresarios de Galicia volvo a ver os mesmos vicios de aquel plan de comarcalización levado a cabo por Precedo Ledo na Xunta de Galicia presidida por Fraga. Hai que baixar máis ó terreo, escoitar ás xentes e ver os sentimentos e os pareceres dos nosos veciños e veciñas.


Porque reorganización municipal SI, pero contando con todos/a, escoitando a todos/as e non indo en contra de ninguén.


1 comentario:

blasgarcia dijo...

Coincido plenamente co teu post. Non sei se habería que reducir a 150, como di o estudo do Club Financieiro de Vigo. Pero o que está claro é que este é un debate que se debe de abrir algún día de maneira seria e responsable, deixando a un lado os intereses partidistas e buscando un consenso.

Saúdos