domingo, 19 de julio de 2009

A forza lexítima das ideas

Fotografía: Pili Prol

Artigo publicado hoxe día 19 de xullo de 2009 no xornal La Voz de Galicia, de Xosé Manuel Rodríguez.

Eladio Osorio comparte co seu fillo a militancia no PSOE e a presenza na corporación de Castro Caldelas, donde son alcalde e concelleiro do goberno.

Nas primeiras eleccións municipais da agora cuestionada transición democrática un daqueles indestructibles Jeep Comando percorría as rúas de Castro Caldelas cun mozo que facía campaña a prol do seu pai lanzando a consigna de: «¡ Caldelao ! se eres intelixente vota á Asociación de Electores Independente». Naquel ano de 1979 o candidato era Eladio Osorio Castro, que tivo que liderar unha candidatura independente polos problemas que había daquela entre as dúas correntes do partido, e o rapaz que exercía de axitador político era outro Eladio Osorio, neste caso o seu fillo.

O exemplo

Hoxe, 30 anos despois, o pai é alcalde de Castro Caldelas e o fillo un dos concelleiros que integra o grupo de goberno do PSOE. E os dous coinciden coma dúas gotas de auga ao recoñecer que na discrepancia e na confrontación de ideas lexítima, sen extremismos, está a fórmula que os leva a traballar e a compartir o proxecto político sen grandes diferenzas de opinión.

Eladio Osorio Montenegro cre ver a orixe da súa vocación política «en que sempre o fun mamando na casa, xa dende pequeno vivín compartindo as miñas actividades cos temas políticos e aos 14 anos xa estaba no Sindicato de Estudiantes e participando nas folgas contra o PSOE». Aos 19 anos entrou de concelleiro -botou dous mandatos, deixouno catro anos e recuncou en 2007- e recoñece a seu pai como modelo, ao tempo que asegura que non hai problemas con el no día a día político: «El é o alcalde e eu un dos seus concelleiros e levámonos moi ben porque dende cativo ensinoume a discrepar e a defender as miñas opinións e os meus argumentos. Discutimos ou podemos ter diferenzas de criterios ou de opinións, ás veces somos os que máis discutimos do grupo -o PSOE ten 6 dos 9 concelleiros de Castro Caldelas- pero fóra diso non pasa nada. Meu pai sempre me ensinou que hai que ter capacidade crítica e de discrepancia, sempre no plano político e no marco do debate lexítimo e do respeto. E con iso medrei».

Logo de varias tentativas, á terceira foi a vencida e Eladio Osorio Castro é alcalde de Caldelas dende 1987 -agás entre finais de 1996 e 1999 por mor dunha moción de censura-. Do concelleiro co que comparte nome e leva o seu apelido di que «está na política porque o viviu de pequeno, xa na casa, e pediu el estar e á agrupación local do PSOE pareceulle ben por ser unha boa oportunidade para darlle presenza na lista a un mozo. Eu non llo aconsellei, nin se deixaría porque sempre tivo criterio propio -dos catro irmáns só Eladio se decantou pola política activa-». Nun hipotético futuro o pai non se posiciona sobre unha sucesión: «Nin o vexo nin o deixo de ver como candidato á alcaldía. Nin vou influir nin llo aconsello, e sobre a miña opinión está o que decida a agrupación local».

Da resignación á ledicia

O pai recoñece que é difícil loitar no rural «porque consigues cousas a base de moito esforzo pero a xente acaba marchando porque ten traballo noutro lado», aínda que aposta por un futuro baseado no sector primario, a natureza e o turismo ao tempo que reivindica mellores comunicacións e infraestructuras. O fillo, concelleiro de cultura na primeira etapa, sinala que «con poucos medios podes facer cousas igual».

2 comentarios:

Logio dijo...

Un pai raramente da malos consellos.
Unha aperta.

Javier Diéguez López dijo...

É indiscutible que hoxe en día non tedes oposición. Estades a facer unha gobernación do concello bastante boa, pero como caldelao pido que nos vos acomodedes, que sigades loitando pola nosa terra, que é moi fermosa e temos que mostrala e disfrutala.
Unha aperta e moito ánimo para seguir loitando por un bon futuro.