Hoxe non vos vou a falar de política. Vouvos a falar dunha tarde marabillosa.
Cando facía a miña vida en Castro Caldelas soía saír bastante coa bicicleta de montaña polo monte, pero dende que me trasladei a Ourense deixei a bici esquecida. Non hai moito comecei a darlle uns pequenos arranxos e estes días estiven empezando a probala de novo, saíndo sobre todo cara a zoa de Pereiro de Aguiar. Onte facía unha "mala tarde", unha desas tarde con algo de frío, bastante vento e choiva de seguido. Pero a min encántame que chova, e onte xuntei a bici coa chuvia e estiven facendo unha ruta de quince quilómetros ó carón do río Miño.
O paseo que hai ó lado do ríoé todo un luxo que xa lle gustaría a moitas cidades telo, pero soe estar ateigado de xente. Pero onte non, onte era todo para min. En toda a tarde non me crucei con máis de seis ou sete valentes. Este roteiro pasa ó carón de varias fontes e piscinas de augas minero-medicinais termais, algunhas brotan a case 70ºC. É unha pasada poder estarse bañando en auga quente mentres che chove encima, podedes apreciar nunha das fotos como hai xente metida na auga. Na outra foto vedes o río Miño moi crecido, debido as chuvias destes días. Nesta zoa, a pasarela de Outariz, o río soe ter 50 m. de ancho, pero onte tiña máis de 80m.
Se nos sodes de Ourense, recoméndovos que un día vos deades unha voltiña por esta zoa e que traiades o bañador para metervos nas pozas de Outariz, no Muiño, no Tinteiro, en Reza ou na Chavasqueira.
1 comentario:
Que ben se vive... por certo á altura da sede do PSOE o río Miño leva unha anchura de 120 metros, se queres podes vir a comprobalo...
Publicar un comentario