jueves, 17 de enero de 2008

Iván Puentes e a esquera volátil


De seguido reproduzco un artigo que o meu amigo Iván Puentes , alcalde de Fene, publica hoxe tanto no seu blog como no xornal A Nosa Terra. O título do mesmo é a esquerda volátil e está baseado nas teses do estadístico César Molina, as cales comparto totalmente, e das que xa se fixera eco o xornal El País nun artigo do día 11 de novembro do ano pasado.

Hai neste país a crenza de que o centro, ese terreo ideolóxico tan equilibrado, equidistante, equilátero, ecuánime... que se existise debería, por eslamiado, deixar de facelo, é o que decide o resultado das eleccións. En cada campaña vemos como as forzas de esquerda e dereita xogan a moderarse para captar o voto dos supostos cidadáns de centro, as estrelas vermellas desaparecen da propaganda do BNG e florecen os lemas bilingües, lexibles en galego e castelán, os do PP falan do país e do galeguismo no que non cren e o PSOE tradicionalmente ten centrado as súas campañas en temas asumibles para un amplo espectro ideolóxico.

Eu comparto a teoría do estatístico César Molina, que fala da “esquerda volátil” para referirse ó conxunto de votantes que pululan entre PSOE, IU, BNG no caso de Galicia, ou a abstención; cidadáns de esquerdas que rexeitan frontalmente ó PP, pero que teñen tamén unha actitude crítica con respecto ó PSOE. Para el, e para min tamén, son estes cidadáns, e non o centro, ós que deciden se en España goberna a esquerda ou goberna a dereita. As últimas eleccións xerais son unha boa proba, Zapatero gañou pola esquerda, falando de dereitos sociais, de igualdade de xénero e sexualidade, de non á guerra, de dereitos territoriais... O PP obtivo case os mesmos votos que nas eleccións do 2000, cando Aznar gañou por maioría absoluta, pero no 2004 perdeu, simplemente porque a esquerda se mobilizou.Polo tanto, a vitoria do PSOE nas xerais deste ano ou de calquera partido de esquerdas noutras eleccións, pasa necesariamente por elaborar e defender sen complexos un proxecto verdadeiramente progresista, que enganche a esa esquerda volátil e que cumpra co difícil obxectivo de facela votar, porque a historia nos di que cando a esquerda se mobiliza a dereita nunca gaña. O 9 de marzo eses cidadáns críticos de esquerdas terán, unha vez máis, a responsabilidade de decidir co seu voto ou a súa abstención, as dúas actitudes contan, quen goberna en España, o PSOE ou o PP, Zapatero ou Rajoy, porque máis opcións reais non hai. A esquerda, votando ou absténdose, elixirá Presidente.Mentres tanto, espero que os partidos non se dediquen a buscar o centro, porque é como o inferno, un lugar imaxinario ó que non temos noticias de que chegase nunca ninguén

No hay comentarios: